COMERCIO ELECTRÓNICO

O comercio electrónico, canalizado a través das novas vías de comunicación xurdidas no contexto da Sociedade da Información, pode converterse nunha nova ferramenta de comunicación e de negocio entre empresarios e consumidores. Deixando a salvo certas particularidades que se producen precisamente pola utilización dunha contorna tecnolóxica determinada, o certo é que o consumidor, en ningún caso, pode recibir unha protección menor do que lle dispensa a normativa vixente nas formas de comercio tradicionais.

Así o determina a Directiva 2000/31/CE, de 8 de xuño de 2000, do Parlamento e do Consello, relativa a determinados aspectos xurídicos dos servizos da información, en particular o comercio electrónico no mercado interior, cando declara aplicables todas as Directivas vixentes en materia de protección do consumidor. No entanto introduce unha serie de especificacións para adaptar esa lexislación á nova situación, co fin de crear unha contorna de confianza.

Por iso, ademais da regulación específica na materia, o comercio electrónico que se realice e que teña como destinatario os consumidores, deberá cumprir toda a lexislación actual vixente en materia de protección dos consumidores.

Entre ela, hai que destacar, ademais da lexislación específica de protección dos consumidores, a lexislación de comercio interior, en especial as vendas a distancia; a regulación da actividade publicitaria,  en xeral, así como a que contemple a publicidade e promoción de determinados produtos e servizos.

Tamén debe terse en conta as diferentes regulacións sobre a importación, produción, transformación, almacenamento, transporte, distribución e uso dos bens e servizos existentes, en especial as limitacións da venda de certos produtos en certas condicións ou a necesidade de autorizacións ou rexistros.

Pois os bens, produtos e servizos que se poñan a disposición dos consumidores a través destas novas vías de comunicación ademais de ser seguros, deberán levar consigo ou permitirán de forma certa e obxectiva unha información, veraz, eficaz e suficiente sobre as súas características esenciais.

O contrato que se subscribe “en liña débese axustar ás esixencias da nosa normativa para garantir o equilibrio de contraprestacións das partes, por iso, non deberán conter cláusulas que poidan ser consideradas como abusivas e deben cumprir as esixencias normativas expresamente contempladas na contratación a distancia con condicións xerais.

Finalmente os produtos que se fornezan gozarán da calidade adecuada e deben vir provistos coas garantías exixibles; ademais, os procedementos para facer efectiva a reclamación, renuncia ou devolución dos produtos deben ser igualmente eficaces.