VIVENDA

1 Que información debe subministrarme o construtor cando merco unha vivenda ?

De acordo co R.D. 515/1989 do 21 de abril, o construtor debe facilitarlle unha serie de información sobre a vivenda que pensa adquirir, como pode ser: descrición do inmoble (superficie útil e descrición do edificio no que esta se atopa ); memoria de calidades (exhaustiva e incluíndo referencia aos illamentos térmicos e acústicos empregados); planos da vivenda e o seu emprazamento; trazados de redes eléctricas, gas e auga; prezo total e forma de pago.

2 Merquei unha vivenda sobre plano e debo entregar cantidades á conta, como se aseguran esas cantidades ?

O construtor-promotor deberá entregarlle un aval bancario ou póliza de seguro sobre as cantidades que perciba ao longo do proceso de construción sen que a vostede lle supoña desembolso adicional ningún.

3 O construtor non me entrega a vivenda mercada sobre plano no prazo fixado no documento de compravenda, podo reclamarlle algún tipo de compensación ?

Neste caso existiría incumprimento de contrato e tería que examinarse o documento de compravenda comprobando se existe cláusula penal cando se dea esta circunstancia.
De non existir, tería que negociar coa outra parte unha compensación por este retraso na entrega da vivenda e de non chegar a acordo, acudir aos Tribunais ordinarios solicitando indemnización.

4 Comezan a aparecer defectos na vivenda que merquei recentemente, podo reclamar ?

Nesta cuestión o primeiro a determinar sería a lexislación aplicábel.

Se a licenza de obra baixo a que se construíu a vivenda en cuestión, é anterior ao 6 de Maio de 2000, todos os defectos que se manifesten ao longo de 10 anos estarían garantidos polo construtor.

Se a licenza de obra fose posterior a esa data, o prazo de garantía sería diferente dependendo do defecto do que se trate (1, 3 ou 10 anos).

Cando exista garantía en vigor, deberá notificarlle fidedignamente ao construtor a existencia dos defectos que xurdiran, para que proceda á súa correción. Se non atendese a este requerimento, podería presentar reclamación en calquera oficina de consumo ou ante o Xulgado competente.

5 Solicitei unhas modificacións na vivenda que merquei sobre plano, como teño que especificalas ?

Segundo o art. 10 do R.D. 515/1989 do 21 de abril: ” As reformas que propoñan os adquirentes serán así mesmo obxecto de formalización documental que conterá sucinta descrición do su contido e concretas repercusións que deriven no prezo e prazo de entrega que se pactasen “.