COMISIÓN DESAFIUZAMENTOS

Coa crise e o aumento alarmante do desemprego, centos de miles de familias están a chegar a unha situación límite que non lles permite cubrir as súas necesidades máis básicas. O Concello de Culleredo non é alleo a este fenómeno, xa que continúan a producirse cada día máis casos de familias completas con todos os seus membros no paro, familias que ven como un dos seus maiores logros, a súa vivenda, pode estar en perigo por unha execución hipotecaria que pode provocar a perda do inmoble. E aínda por riba de perder a vivenda, estarán expostos a  unha condena financeira de por vida.

A crise económica, onde a burbulla inmobiliaria tivo un papel fundamental, está a provocar un aumento desmesurado de desafiuzamentos que nos pón diante dun drama social de dimensións preocupantes. Medra o número de familias que quedan sen fogar, os bancos quédanse coas vivendas, pero a débeda segue pendente. A voracidade dos bancos non se satisface cos casos dramáticos de familias e personas que logo de pagar altas amortizacións e intereses polos préstamos son botadas fóra do seu fogar.

A banca, que ten recibido miles de millóns de diñeiro público para sanear as consecuencias das súas aventuras inmobiliarias, non quere adoptar medidas voluntarias para resolver este problema. Nestes momentos de crise non concede créditos á cidadanía nin ao empresariado autónomo, pequeno ou mediano, pero en cambio son intransixente nas sumarias execucións hipotecarias que deixan na rúa familias enteiras sen contemplacións.

No procedemento xudicial hipotecario a vivenda póxase e a Lei de Enxuizamento Civil establece que, no caso de non presentarse poxadores, algo que acontece na maioría dos casos, o banco ou a entidade prestamista pode adxudicarse a vivenda polo 60% do valor da taxación. É dicir: non só poden quedar coa vivenda por un prezo moito menor do que se taxou ao firmar a hipoteca, senón que ademais unha boa parte da débeda mantense (unha vez descontado o valor polo que se poxou a vivenda), incrementada por grandes gastos xudiciais e honorarios profesionais. Ademais, como resultado de todo iso, aos debedores embárganselles os bens e ingresos, tanto presentes como futuros, para saldar a totalidade da débeda.

Esta  lexislación, que non se aplica noutros países, era descoñecida polas familias cando rubricaron as hipotecas. Así, a situación é aínda máis grave, xa que pode considerarse que os hipotecados se viron sometidos a unha publicidade enganosa, sometidos á sobrevaloración das taxacións das vivendas e tamén, a unha linguaxe pouco doada de comprender nos contratos que firmaron.

Hoxe en día, calquera  non pagamento pode supoñer o vencemento anticipado de todo o que adebedan, e nos contratos que firmaron agochábanse numerosas cláusulas abusivas, como as do só – teito, ou dos intereses moratorios, que oscilan entre o 18 e o 20 por cento.

Dende  o Concello de Culleredo, considérase que se está a vulnerar un dos dereitos fundamentais dos cidadáns, o da vivenda. O artigo 47 da Constitución di que “Todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada e que os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando o uso do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación”.

A perda da vivenda tamén leva consigo a perda doutros dereitos e impide ás persoas afectadas realizarse no ámbito familiar, e profesional, e condena en moitos casos á marxinación e exclusión social.

  A nivel municipal

  1. Creamos unha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos, composta por responsábeis dos Servizos Sociais municipais, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos. Estudando a posibilidade de axudas ao aluguer, axudas para evitar o corte de subministros básicos como auga, gas ou luz e axudas á alimentación

2    Eliminamos o imposto municipal de plusvalía para as persoas afectadas que sufran a perda da súa vivenda en poxa, e para aquelas que logren a dación da vivenda en pago, naqueles supostos en que a lei así o permita.

3    Interpelamos ás entidades financeiras que operan no municipio para esixirlles a paralización dos desafiuzamentos e a condonación de débedas ilexítimas froito do actual proceso de execución hipotecaria, coa indicación de que en caso contrario, procederase á retirada dos fondos municipais de ditas entidades–      

4      No caso de que algunha entidade financeira non paralice os desafiuzamentos, ou non se aveña a negociar o Concello de Culleredo, procederá á retirada dos depósitos bancarios depositados nel e paralizará toda actividade mercantil coa entidade.

5   Colaboración dos servizos xurídicos do Concello en todos os casos que o requiran.

Vista a necesidade, é necesario actuar. Dende esta páxina, podes consultarnos, e seguir as actividades desta Comisión. NON DUBIDES EN ACHEGARTE OU CONTACTAR CON NOS. Non esperes a que os problemas medren

logodesaf_2