RECLAMAR

Dentro das relacións dos consumidores e usuarios cos empresarios poden producirse conflitos o que pode dar lugar a que se produza unha reclamación ou unha denuncia.

Partindo do anterior debe resaltarse que, cando no ámbito de consumo se está falando de reclamación ou denuncia, deben cumprirse unha serie de presupostos para que, no seu caso, se poida proceder á súa tramitación.

Así unha reclamación ou denuncia debe ser sempre dun consumidor ou usuario fronte a un empresario. Neste sentido, desde o punto de vista da protección dos consumidores, nunca serán admitidas aquelas reclamacións ou denuncias nas que o que se dilucide sexa unha relación entre empresarios ou entre consumidores. Por outra parte tampouco se terán en consideración aquelas reclamacións ou denuncias de empresarios fronte a un empresario.

Ademais do anterior, non é suficiente que as partes en conflito teñan o carácter de empresario por un lado e de consumidor ou usuario por outro, senón que o conflito derive dunha relación de consumo, isto é, que se produza cando un consumidor acode a un empresario para a obtención dun ben ou servizo porque é o obxecto da súa empresa. Partindo do anterior, é cando por un consumidor ou usuario se pode presentar unha reclamación ou denuncia fronte a un empresario, o que obriga a explicar a distinción entre reclamación e denuncia.